O lobo da xente O sucedido que vou referir contáronmo como certo. Dixéronme onde foi, que foi preto de Trives; vive aínda quen mo contou, e que, cando era novo, coñeceu a todas as persoas que andaron na historia, porque tampouco hai tanto tempo que pasou: haberá como cincuenta ou sesenta anos. Mais imos ao conto. Era pola castañeira. O tempo era revolto e outonizo, chovía por veces e facía tan escuro que era noite pouco despois de xantar. Ía un pouco como de día de defuntos e a tristura do mes da ánimas espallábase xa empardecendo o ceo por toda a banda. O Anxo andaba nun souto, onde o río da Cabalar. Tiña o cabelo claro, os ollos azuis, as meixelas roxas. Tiña un gran peito e brazos fortes, e era coraxoso e valente. Estaba termando dun sequeiro e saíra nunha escampada a apañar folla no souto. O souto onde andaba o Anxo era pecho e sombrizo, cuberto o chan de herba verde entre a que medraban estalotes,e chouparros, flora das terras húmidas... As chancas do Anxo ao tri...