Saltar ao contido principal

AS CANTADEIRAS, Quen SON? LETRAS GALEGAS 2025

No ano 2025 a Real Academia Galega dedícalle este Día  das Letras ás pandeireteiras e a tradición oral popular, un conxunto de centos e miles de mulleres que habitualmente foron e son aínda anónimas, pero que a Academia decide singularizar en 6 cantadeiras xa falecidas como son Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e as pandeireteiras de Mens (Prudencia e Asunción Garrido, Teresa García e Manuela Lema). Dalgún xeito se homenaxea ás que lograron manter viva a tradición oral de séculos ata os nosos días, que estando a piques de botarse a perder, como consecuencia de que se foi esmorecendo o mundo rural e labrego en gran medida.  Mais nos anos setenta e oitenta do século pasado o traballo de recolleitas e cancioneiros (especialmente o Dorothé Schubarth)  e a actividade recuperadora de grupos musicais e asociacións folclóricas fixo que cun carácter máis urbano a tradición oral siga viva na boca da mocidade e con novas fórmulas de dinamización, concertos e festivais, escolas de música ademais dunha recuperación das foliadas e seráns semellantes ás de outrora.






Con estes vídeos quixemos homenaxear ás cantareiras da nosa tradición oral con nomes e apelidos a Rosa e Adolfina, ás Pandeireteiras de Mens e a Eva Castañeira que representan a toda unha enorme listaxe de mulleres anónimas de séculos atrás que as precederon cantando e mantendo viva esta faceta da nosa cultura popular.

O primeiro dos vídeos, AS RECOLLIDAS ONTE E HOXE dedicado a Rosa e Adolfina, sinala a importancia do proceso da recolleita desta tradición oral que foi especialmente significativa nos anos 80 e que permitiu que se editase mesmo o magnífico Cancioneiro Popular de Galicia, grazas ao traballo de recoller e de documentar (con partituras e letras) de dez anos de Dorothé Schurbart e Antón Santamarina, recolleita que sacou do anonimato a nosa tradición oral preservando un tesouro de grandes proporcións cando unha gran parte da sociedade galega estaba pasando unha etapa crítica á hora de traspasar esa literatura de tradición oral a causa de fenómenos como a desruralización, a emigración e a globalización, ademais do pouso do Franquismo que dera lugar a unha xeración que coñecía esa oralidade , pero foi incapaz de transmitila ás xeracións máis novas.  

 O segundo vídeo, DA ALDEA Á CIDADE dedicado ás Pandeireteiras de Mens, céntrase na posibilidade da aprendizaxe da tradición oral para permitir á transmisión da mesma ata o punto de considerala de novo unha tradición viva recuperada polas xeracións máis novas, destacando a capacidade que ten de herdar melodías e coplas ben reproducilas, ben creando novas letras, posto que ambas posibilidades son factibles na oralidade, as cantareiras eran e son tanto reprodutoras como compositoras. Así é como se entende esta fórmula que poderiamos definir coas palabras do poeta: maxicamente vella, eternamente nova.

O terceiro dos vídeos, A NECESIDADE DE PERDURAR, está dedicado a Eva Castañeira e pon en valor o labor dos grupos musicais e asociacións folclóricas que lograron nestas últimas décadas do século pasado e as primeiras do presente un cambio significativo á hora de rescatar e dignificar a tradición oral e as nosas pandeireteiras, grupos e colectivos que seguen a darlle a día de hoxe unha vitalidade marabillosa que permite entender a nosa tradición oral como algo vivo e cada vez máis arraigado nas xeracións máis novas. 


Por que ás mulleres?  

Xa o deixou dito  Martín Sarmiento (o primeiro en interesarse e recoller cantos populares galegos):                          

"En Galicia as mulleres non son soamente poetas senón músicas naturais. En Castela e Portugal e outras provincias os homes son os que compoñen as coplas e inventan os tons e aires e así se ve que neste xénero das coplas populares falan os homes coas mulleres. No meu país é ao contrario, na maior parte falan as mulleres cos homes e é por que elas son as que compoñen as coplas e elas mesmas inventan os tons  e os aires que han de cantar".

                  Martín Sarmiento en Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles

 

As foliadas ou seráns, mesmo moitas outras actividades de traballo nas aldeas,  como as fiadas nas que tras o duro traballo de fiar se remataban con diversión e baile. Eran organizadas tradicionalmente e desde antigo polas mulleres e logo os mozos asistían invitados a ese espazo liderado claramente polas mozas.

 

Que lle debemos ás nosas cantareiras?

Hai que agradecer, en primeiro lugar, a súa constancia para poder legar e transmitir un rico e enorme patrimonio oral, de mantelo con vida  ata os nosos días e permitir que da súa boca xenerosa se recollese. O Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina (un traballo dunha musicóloga suíza  co apoio dun filólogo e folclorista galego) é un dos máis destacados de toda Europa. Debemos agradecer este legado porque é unha  marca de identidade que une lingua e canto (música) e que comporta unha forma de coñecemento das nosas raíces culturais como pobo. Debemos agradecer por último a oportunidade de manter viva e poder ser as novas xeracións transmisoras para as xeracións futuras deste patrimonio impresionantemente  rico e fecundo.  Castelao dixo que a tradición era a eternidade, elas permitiron en gran medida que sigamos sendo un pobo con identidade.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

PRONOMES PERSOAIS

  PRONOMES PERSOAIS TÓNICOS PRONOMES PERSOAIS ÁTONOS Os pronomes persoais só poden ser pronomes, nunca funcionan como un adxectivo dun susbtantivo. A COLOCACIÓN DOS PRONOMES ÁTONOS - Nunca poden comezar un enunciado:    Quéro te  moito! - Posición natural despois do verbo:    Pediu me un libro.  Excepcións:        1ª- Oracións desiderativas ou negativa s:  Oxalá te quixese! Non cho daría.        2ª- Nas oración subordinadas, é dicir, cun enlace tipo: que, se, porque:   Dixo que te chamaría.                    Díxoo porque te quería . Se te mercase a bici....        3ª- Nas interrogativas ou  exclamativas : Quen che dixo iso?  Como te quixo!        4ª - Algúns indefinidos (algo, alguén, ninguén, ningún, ambos, bastante, calquera, nada, todo) e  ...

A MEMORIA DE NOSO (II): A nosa lingua ten nai e avoa

Para saber de nós imos reflexionar sobre a lingua e a soiedade comezando polos seguintes temas:  A diversidade lingüística fainos humanos A lingua que nos fai orixinais O dereito a ser diferente

CONTIDOS DA PROBA DA SEGUNDA AVALIACIÓN

UNIDADE 3 Gramática: Suxeito e predicado . páx. 56-57 do libro de texto Literatura: Os recursos estilísticos ou literarios páx. 60-61 do libro de texto Tradición oral no blog: Como se celebra en Galicia  de xeito tradicional? -  O ciclo das Trece Lúas. A tradición oral no Nadal. -  Dos Reis ao Entroido e a Coresma (I) UNIDADE 4 Literatura: Os xéneros literarios páx 80-81 do libro de texto. Gramática:  Os verbos regulares en galego  As funcións da oración (I): Complementos Directo e o Indirecto. - OS COMPLEMENTOS DIRECTO E INDIRECTO. Fíxate no seguinte exemplo:                                   Eu fixen filloas para eles. O verbo é o "xefe da oración", o núcleo do predicado. El sabe quen é o suxeito (eu: o que fixo as filloas)  e tamén nos orienta sobre os seus complementos: Preguntámoslle ao verbo QUE fixen? Responderá o Complemento Directo: filloas Se preguntamos A ou PARA...