Para rematar o curso lendo en galego, traballamos na aula esta lectura dun texto teatral.
Haberá unha proba escrita sobre esta lectura, poderás ir realizando osteus propios resumos para preparala na libreta.
![]() |
| O autor A. D. R. Castelao pintando as máscaras para o estreo da obra en Buenos Aires. |
LELA:
PLAN LECTOR: Unha pregunta sobre: Os Vellos non deben namorarse
Autor, estructura da obra de teatro e personaxes principais. Resumir a trama dun dos lances.
A estrutura da peza Os vellos non deben de namorarse os tres lances constitúen as tres escenas principais, un prólogo e un epílogo.
Esta obra, que o mesmo autor chama no prólogo farsa en 3 lances non é unha obra tradicional (farsa é unha peza na que a realidade caricaturizando ou se deformando aos personaxes) xa que se mesturan elementos realistas e expresionistas, cunha finalidade en moitos casos simbólica.
O tema da obra é tópico e universal: este coñecidísimo drama, tres versións diferentes e independentes do mesmo drama precedidas dun Prólogo. A denominación de lances (episodio que constitúe unha acción completa) que lle dá é máis axeitada que a de actos, ao seren tres farsas autosuficientes, sen relación unha coa outra.
O tema son as relacións entre o amor e a morte. Entre outros subtemas están a decadencia dos ricos, como conseguir a felicidade ou os casamentos amañados.
un aviso en 3 estalos que lle damos aos vellos namoradeiros... Os vellos deben gardar amores antigos, porque lles axudan a vivir; pero morren cos amores novos, e a súa morte fai rir ás xentes (Prólogo)
Pola súa parte, o epílogo cumpre a función (dentro da obra) de reforzar a unidade da obra, reunindo os tres vellos e a moral de permitirlles arrepentírense do seu erro e debilidade (Por namorarnos de vellos, que acaba a obra).
Esta farsa na superficie, no exterior, a obra é cómica, humorística, pero por baixo xorde a realidade antropolóxica da traxedia do vello namorado, que acaba coa morte de todos eles e no fondo é a amargura a que domina, porque a conclusión final é que os vellos non deben de namorarse.
Os tres lances veñen ser como tres realizacións, tres exemplificacións concretas do mesmo motivo e por iso se nos presentan en multitude de ocasións como perfectamente simétricos e paralelísticos (se ben tamén con notables diferenzas)
Tempo: apenas hai referencias históricas, o tema é intemporal. Tampouco os lances teñen moitas marcas temporais : o primeiro pode durar algo máis dun día ; o segundo é durante un domingo de entroido; o terceiro dura uns días; o epílogo decorre durante unha noite de luar.
Personaxes: un vello namórase dunha moza (que ten relacións cun mozo) e a causa diso morre.
• 3. Vellos
D. Saturio. Burgués-universitario. Vello namoradizo que ten, ademais, a desgracia de chamarse Saturio.
É un personaxe ledo, que aínda se cre con folgos e mañas para engaiolar unha moza, non parece dubidar das súas posibilidades e atrévese mesmo a facer traizóns: Os peixes e as mulleres cóllense con artimañas ...... Un vello raposo e con moita experiencia ..... Pois...queréndome polas boas xa non che fago a traiduría. Négase a aceptar a condición de vello; só no primeiro momento di que eu xa vou indo algo vello, afirmación que non podemos considerar aceptación se a contrastamos coa realidade expresada máis adiante por Lela: ¿D. Saturio? ¡Meu pobre! ... ¡Un vello que xa non rexe coas pernas! ¡Valente comenencia me dabades! . E ademais hai constantes negacións na súa primeira conversa coa Morte: Hai vellos de vellos ...Aínda non son tan vello.Está dominado polas irmás: Casar...casar, casaría se as miñas irmáns desen consentimento. O que se ve aínda máis claramente na escena das recomendacións.
D. Ramón. Fidalgo: Vella esponxa, embebida en viño tinto; remate de casta.
Esta clase social sae moi mal parada con este representante borracho e sen clase. É o máis escarne¬cido dos 3 protagonistas, todo nel é negativo, até tal punto que os mesmos pais renegan del:
-O PAI: ¡Descastado! ¡Non pareces meu fillo!
-A NAI: ...Nin pareces fillo del nin fillo meu.
Preséntasenos como unha persoa de mal xenio, desagradecida e irrespectuosa cos seus propios pais: ¿Deberche o ser? ¡Pois entón, déboche a sede que teño! ...... De modo que a calar, eh? ¡E moito coidadiño comigo" ...... Pois se non son fillo voso deixádeme en paz. E moito coidadiño, eh? porque senón mándovos ao faiado ...
Non responde en ningún momento á súa condición de clase superior; mais aínda que se trata dun dexenerado, ás veces presenta un claro clasismo manifestado nun autoritarismo externo, dirixido cara á xente do pobo: a che teño dito que cando te presentes diante de min debes quitar a gorra ...... Quen pensades que son eu? ¿Un monifate? Eu son D. Ramón, o amo do pazo e vós sodes uns calquera ... Non fagas menos de min. ¡Paifoco! E fálame co respeto debido (epílogo)
Mais só consegue espertar as burlas e risos das xentes, que o toman como centro de diversión por mor dos seus amoríos (véxase a escena do demo e a porca). O sentimento amoroso por Micaela convértese nunha verdadeira obsesión para el e xa nada importará máis que conseguir a súa amada, para o cal está disposto a estragar o que lle deixaron os pais e que foi patrimonio familiar durante xeracións: O bico de onte custoume unha leira; pero ou pouco hei poder ou a rapaza será miña! Aínda que me custe todo canto herdei dos meus pais ..... Se me dás outro bico regáloche outra leira, ¡Quen sabe se todo canto teño será para ti!
Ademais, ao contrario de D. Saturio, é consciente de que as súas calidades físicas e morais non son as máis propicias para engaiolar unha rapaza nova: Se a perdes por min (a honra) estou disposto a pagala...Non che podo ofrecer máis ......¡Ai, se fose mozo...! Se fose mozo xa estaba entrando nese baile, para quencer a paus...
Para rematar, a este personaxe totalmente negativo, do que se burlan todos, Castelao faino morrer deitado no esterco cunha grande borracheira, como se fose un porco.
O Sr. Fuco. Campesiño rico: Carcamán namorado, no seu derradeiro folgo.
Aparece caracterizado cuns trazos moi positivos (a diferenza dos anteriores); é unha figura seria, que se atopa só e bota en falta unha muller, polo que lle propón honestamente o casamento como un amaño beneficioso para os dous; non intenta enganala, como D. Saturio (casaría se as miñas irmáns desen consentimento) nin comprala, como D. Ramón: rapaza: eu son moi pobre para mercar a túa bonitura, porque non hai diñeiro dabondo no mundo para pagar o que ti vales. Tamén a diferenza dos outros consegue os favores da moza e rematará os seus días cunha fonda anguria por ter que deixar o mundo e Pimpinela: Eu ben quixera ter folgos dous aniños máis.
• 3. Mozas
Hai unha similitude mesmo na elección dos nomes, pero -como sucedía cos vellos- o terceiro lance ten marcadas diferenzas cos outros dous.
Lela (descaro). Filla de familia: Moza requentada na súa propia malicia.
Preséntanola como unha moza desenvolta e con poucas posibilidades de casar xa (pola idade A Lela xa lle pasou o sol pola porta, e por ter saído con máis mozos os homes de aquí non pican en carne sobada. Teñen mellor paladar, que din as mulleres que representan a opinión pública, que lle dá folgos ao boticario, facéndolle crer que poden chegar a algo: Pois entón compre que o meditemos, porque para casar... pa-ra ca-sar, gostaríame un home con cabeza Xa ve que lle retirei o Don e iso algo proba. Falaremos outro día, si?
Mais en canto aparece outro home (de fóra) bota man del e búrlase das pretensións do vello: ¿Quen? ¿Don Saturio? ¡Meu pobre? ¿Atreveríase el a falarme de casamento? ¡E iba eu consentirllo! ¡Un vello que xa non rexe coas pernas! ¡Valente comenencia me dabades! Non; é outro... outro más novo. E de por parte bo mozo; pero que non me entrou polos ollos e velaí.
Micaela (cobiza). Solteira da aldea próxima ao pazo Rapaza parafuseira, de touciños duros. Vive soa (pois recibe na casa sen problemas aos dous homes, mais non parece traficar abertamente co seu corpo, xa que fala do seu creto). É a que presenta trazos máis negativos, ao aparecer como unha desvergoñada sen escrúpulos que lle saca os cartos descaradamente ao vello (tamén o máis negativo dos tres) de acordo co amante: Don Ramón anda toliño por min, e pouco a pouco irá caendo todo canto ten nas miñas mans ... Mira que o vello pode facer a nosa felicidade. Déixame facer a min e ten paciencia, corazón ... Todo isto fágoo por ti ¡ladrón! .
Pimpinela (inocencia). Vive cos pais unha casa rural moi pobre. Rapaza bonita que tolea cos panos de coores.
É a que Castelao nos presenta como máis inocente: a súa relación co vello producirase dentro da "legalidade" e non parte dela o darlle o si senón que son os pais os que a teñen que convencer. Podemos pensar mesmo nun matrimonio concertado entre D. Fuco e estes, dado que a primeira escena do lance é precisamente aquela na que os pais tentan convencela das vantaxes dese casamento (cun resultado aparentemente negativo, xa que a única palabra que pronuncia Pimpinela, e repetidamente, é NON).
• 3. Mozos
Carabineiro. Catador de lupandas, disposto a unha nova vida. Semella ser un home pagado de si mesmo (Un home das miñas feituras, con este traxe tan bonito e con esta cazola na cabeza non é unha cousa calisquera,) pero ao mesmo tempo un inxenuo que non se decata nada do que pasa:
-MULLER 1ª: Pois o que é mozos nunca lle faltaron.
-LELA: O si nunca llo din a ningún
-O CARABINEIRO: Eso compría sabelo
-MULLER 1ª: A Lela xa lle pasou o sol pola porta e o carabineiro salvouna.
-MULLER 2ª: Forasteiro tiña que ser, porque o que é os homes de aquí non pican en carne sobada.
O Portugués. Estereotipo de personaxe negativo. Malandro cazador de lebres corridas. En consonancia co resto das personaxes deste lance, é o máis negativo dos tres mozos: non só consente a relación de Micaela co vello senón que é o seu instigador:
-O PORTUGUÉS: ... Non esquezas o trato.
-MICAELA: O noso trato é casar despois.
-O PORTUGUÉS: O que é a ese vello pódeslle arramplar con todo canto ten, e despois nós... ja,ja,ja. ¡Non traballas mal, non, abofé!
-MICAELA: Todo esto fágoo por ti, ¡ladrón!
-O PORTUGUÉS: Cada bico unha leira... ¡Non está mal! Pois o que é polos que me deches a min pódeslle pedir o pazo.
-MICAELA: ¡Meu lacazán!
O Mozo. Rapaz novo, na edade de sentirse galo do mundo. Como Pimpinela entre as mozas, é o máis emotivo e namorado, o que o fai falar "en poesía": Arrecendías a malvas e a rosa, e a mazás do Paraíso...Ti tremías e eu tre¬mía. E dende entón xa non houbo máis mozas para min, nin máis mozos para ti.
É o único que se preocupa pola honra da moza e non admite o seu entendemento co vello: Andas na boca do mundo. ¿Será certo que che queren facer o casamento co sr. Fuco? ... ¿Entón non é certo que te queren vender ao sr. Fuco? ¿Non é certo que te queren casar con el? ...Pois... que ben che presten os cartos do sr. Fuco. ¡Acabouse todo entre nós...! ¡Voume...! Mulleres coma ti hainas a moreas.
Como se dixo ao falar de Pimpinela, pouca correspondencia semella haber entre este mozo e aquel do que nos fala o Sr. Fuco no Epílogo, aínda que queiramos velo como produto dos seus celos.
• . A morte
Está presente como personaxe nos contos e narracións orais como a Compaña. Desdóbrase en emisaria e receptora:
-No primeiro lance o emisario é un mendicante e a receptora a propia morte.
-No segundo hai dous emisarios, Porca e Demo, o Sapo vai ao final na procura da luciña, a Morte non aparece como receptora.
-No terceiro adopta a forma de pantasma que logo se fai receptora cando lle di “prepárate”, no remate aparece dobre : axexando trala fiestra e disfrazada de vello que remata o Sr. Fuco. Tamén é o único lance en que a morte aparece verdadeiramente ao final.


Comentarios