Saltar ao contido principal

DÍA DE DEFUNTOS:


Non todo vai ser Hallowen, nós celebramos DEFUNTOS  


Chega o día de Defuntos. En todas as partes comezamos a ver cabazas que representan caras aterradoras que nos invitan a celebrar o Halloween. Pero, atención!, non é americano todo o que o parece.

Ata hai trinta anos por moitas aldeas de Galicia tallábanse cabazas por estas datas, e a día de hoxe cada vez hai máis lugares nos que se está a recuperar esta tradición na forma da festa do Samaín.

Hai aproximadamente 2600 anos chegaron a Galicia os pobos celtas.
Ademais dos seus adiantos científicos e técnicos, como foi a metalurxia do ferro, tamén trouxeron a súa cultura e as súas crenzas. Os celtas eran politeístas, adoraban a moitos deuses: Dagda (deusa da bondade), Nuada (guerra), Bríxida (lume)... que representaban tanto as forzas da natureza como as condicións do espírito. De aí que as súas festas coincidan con determinadas datas relacionadas coas estacións e cos seus cambios. En concreto a festa do 1 de novembro era en honra á deidade Samaín (as follas comezaban a caer, facíase de noite antes e a temperatura baixaba).

Igual que outros pobos, os celtas consideraban as cabezas dos seus inimigos mais que como un botín de guerra como o cerne dos misterios do ser humano. Crían que «aquel que posuíse unha caveira posuiría a forza máxica da súa pantasma».
Cando chegaban as celebracións do Samaín (ó chegaren as longas noites escuras) tense por certo que os celtas colocaban unhas candeas rudimentarias no interior das caveiras dos inimigos mortos,
colocándoas nos cruzamentos de camiños, nos arredores e nas murallas dos seus castros, co obxecto de arrepiaren os inimigos, para asombro e veneración das súas xentes e para esconxurar os perigos.

É curioso que moitos anos despois o cristianismo escolleu estas datas para celebraren o día de Defuntos e Todos os Santos. Orixinalmente esta festa druídicas celta chamábase «a vixilia de Samaín», así que... 
¿de onde vén o nome de Halloween? Vén do intento de cristianizar esta festa pagá. Concretamente cando no ano 830 o papa Gregorio IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a «Todos os Santos» o día 1 de novembro, mudando así a festa que antes se viña celebrando no mes de maio. O novo día foi chamado «día de Todos os Santos» (ou All Hallow's Day en inglés) e cedo chegou o costume de chamar á tardiña antes All Hallowe'en, que acurtado é Halloween.
Se se busca en libros de etnoloxía polas celebracións que se fan no noso país con ocasión do día de Defuntos, atoparemos unha serie de costumes ancestrais propios do país. Desde deixar un oco na mesa ou 40 racións de comida para os defuntos ata facer colares coas castañas novas. A pouco que se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Portonovo, Quiroga, Marín...) lembran que tamén era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces, poñerlles uns pauciños coma dentes e deixalas nos camiños para asustar os viandantes.
Segundo se vai achegando o día de Defuntos son cada vez máis os lugares que recuperan esta celebración: en Cedeira, en Narón, en Narahío, en Palmeira... especialmente a través de asociacións culturais e colexios.  

Imos ver unha desas celebracións, a da Illa de Arousa. 

Unha limosliña polos defuntiños que van Alá!

Vaiamos a Illa de Arousa:  




ACTIVIDADES:

Que actividades realizan as familias nos días de Todos os Santos, é dicir, o 1 de novembro?  Que tradicións propias do Día de Defuntos (día 2 de novembro) fan ou facían nas nosas casas os nosos avos e avoas? Cal era o motivo destes costumes que se fan ou facían?  Conservámolos vivos a día de hoxe?  Pregunta aos teus maiores na túa casa!

Despois de escoitar as testemuñas que escoitaches na aula, será Galicia, o país dos mortos?

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia, aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é un símbolo dos mortos. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas (castañas cocidas) ou tamén bullós (asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida (comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller no Día de Defuntos  para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? Razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?



Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS DA PROBA 3ª AVALICIACIÓN

 A proba da 3ª avalición versará sobre os seguintes contidos: Gramática: VERBOS IRREGULARES Haberá que conxugar (varios tempos) dos verbos que aparecen nas páx.265 a 272: caber, dar, dicir, estar, facer, haber, ir, poñer, pór, poder, querer, saber, ser, ter e TRAER, VER/ VIR ollo que non aparecen nestas páxinas do libro pero si no seguinte enlace:  conxuga PRONOMES  PERSOAIS ATÓNOS   Seguimos traballando co uso dos pronomes átonos. Lembra estudar a colocación dos pronomes, cando usar TE/CHE e practicar como contraen para substituír con pronomes átonos o CD e o CI dunha oración.   Léxico e ortografía O CORPO HUMANO DECATARSE e 6 advertencias máis Literatura AS LETRAS GALEGAS DO 2025. Que lle debemos ás nosas pandeireteiras? Lingua e sociedade AS LINGUAS DO MUNDO: AS LINGUAS DA PENÍNSULA Tradición oral e expresión OS LOBISHOMES varios textos resumidos na aula que relatan que é un lobo da xente, ou un lobo da fada, tamén chamados lobishomes.  A nosa ...

PRONOMES PERSOAIS

  PRONOMES PERSOAIS TÓNICOS PRONOMES PERSOAIS ÁTONOS Os pronomes persoais só poden ser pronomes, nunca funcionan como un adxectivo dun susbtantivo. A COLOCACIÓN DOS PRONOMES ÁTONOS - Nunca poden comezar un enunciado:    Quéro te  moito! - Posición natural despois do verbo:    Pediu me un libro.  Excepcións:        1ª- Oracións desiderativas ou negativa s:  Oxalá te quixese! Non cho daría.        2ª- Nas oración subordinadas, é dicir, cun enlace tipo: que, se, porque:   Dixo que te chamaría.                    Díxoo porque te quería . Se te mercase a bici....        3ª- Nas interrogativas ou  exclamativas : Quen che dixo iso?  Como te quixo!        4ª - Algúns indefinidos (algo, alguén, ninguén, ningún, ambos, bastante, calquera, nada, todo) e  ...

A MEMORIA DE NOSO (II): A nosa lingua ten nai e avoa

Para saber de nós imos reflexionar sobre a lingua e a soiedade comezando polos seguintes temas:  A diversidade lingüística fainos humanos A lingua que nos fai orixinais O dereito a ser diferente