Saltar ao contido principal

UNIDADE 0: O DEREITO A SER DIFERENTE

 


O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

Castelao, Sempre en Galiza
                 

1- Explica a metáfora que utiliza Castelao referida ao alimento e a cultura. Cres que é un alimento a cultura? Por que?

2- Que está reclamando Castelao neste texto cando di: "Pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito..."?


A AMIZADE VERDADEIRA CO NOSO

A necesidade de buscar amigos non remata, nin moito menos, na amizade inmediata esa que establece lazos persoais de lealdade e confianza entre persoas máis ou menos próximas. A amizade tamén ten que saberse proxectar cara ao noso entorno, ese que habitamos, que nos fai ser parte dunha sociedade e que é algo máis que unha paisaxe entrañable, unha casa ou piso, unha aldea, unha vila ou unha cidade determinada. Ser amigos da Terra, con maiúscula, do lugar que nos legou unha identidade é tamén unha das necesidades que como seres humanos precisamos para o noso desenvolvemento, para esa dimensión colectiva que fai do ser humano un animal social. Non nacemos illados ou nunha burbulla, nacemos nunha terra que nos ofrece, como se dun tesouro se tratase, unha lingua distinta coa que comunicarnos cos demais e descodificar o universo no que medramos. Para sermos nós temos que exercer unha amizade verdadeira co noso, con aquilo que nos confire identidade ante o mundo.


1- Explica coas túas palabras como podemos exercer unha amizade verdadeira co noso entorno? 

Maxicamente vello 

eternamente novo... 


A FALA

O idioma é a chave

coa que abrimos o mundo:

o salouco máis feble,

o pesar máis profundo.


O idioma é a vida,

o coitelo da dor,

o murmurio do vento,

a palabra de amor.

 

O idioma é o tempo,

é a voz dos avós

e ese breve ronsel

que deixaremos nós.

 

O idioma é un herdo,

patrimonio do pobo,

maxicamente vello,

eternamente novo.

 

O idioma é a patria,

a esencia máis nosa,

a creación común

meirande e poderosa.

 

O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

¡Se perdemos a fala

non seremos ninguén!

 

O idioma é o amor,

o latexo, a verdade,

a fonte da que agroma

a máis forte irmandade.

 

Renunciar ao idioma

é ser mudo e morrer.

¡Precisamos a lingua

se queremos vencer!

 Manuel María.


 ACTIVIDADES

1-Este poema está construído con metáforas. Unha metáfora é unha identificación con dous termos, un real e outro imaxinario por exemplo: Están as nubes chorando . O verbo chorar é metafórico, é o termo imaxinario, pois o seu termo real é  chover. Identificamos chorar e chover grazas a  algo que teñen en común caer pingas. Localiza e explica no poema tres desas metáforas o seu termo real e o seu imaxinario. 

2- Hai tamén no poema de Manuel María unha antítese (contraste entre dous termos contrarios: Alto e baixo, por exemplo que podemos considerar un paradoxo, é dicir, algo aparentemente falto de lóxica, se es alto non parece lóxico que sexas baixo. Imos atopar a antítese ou paradoxo que hai no texto. Intenta explicar logo que nos quere dicir o poeta con esa figura.

3. Os catro versos finais do poema son unha conclusión cargada de intención. Que consello nos invita a seguir, por que motivo? 




Comentarios

Publicacións populares deste blog

A MEMORIA DE NOSO (II): A nosa lingua ten nai e avoa

Para saber de nós imos reflexionar sobre a lingua e a soiedade comezando polos seguintes temas:  A diversidade lingüística fainos humanos A lingua que nos fai orixinais O dereito a ser diferente

PRONOMES PERSOAIS

  PRONOMES PERSOAIS TÓNICOS PRONOMES PERSOAIS ÁTONOS Os pronomes persoais só poden ser pronomes, nunca funcionan como un adxectivo dun susbtantivo. A COLOCACIÓN DOS PRONOMES ÁTONOS - Nunca poden comezar un enunciado:    Quéro te  moito! - Posición natural despois do verbo:    Pediu me un libro.  Excepcións:        1ª- Oracións desiderativas ou negativa s:  Oxalá te quixese! Non cho daría.        2ª- Nas oración subordinadas, é dicir, cun enlace tipo: que, se, porque:   Dixo que te chamaría.                    Díxoo porque te quería . Se te mercase a bici....        3ª- Nas interrogativas ou  exclamativas : Quen che dixo iso?  Como te quixo!        4ª - Algúns indefinidos (algo, alguén, ninguén, ningún, ambos, bastante, calquera, nada, todo) e  ...

CONTIDOS DA 1ª AVALIACIÓN

Unidade 0: A memoria de noso.  Lingua e Sociedade:  -  A nosa lingua ten nai e avoa: -   A lingua que nos fai orixinais - O dereito a ser diferente . (Metáfora do idioma) UNIDADE 1: O nome de Galicia e o galego entre as linguas do mundo Comunicación: libro da aula páx. 8  Gramática: As palabras no libro páx. 16.  Morfemas flexivos e derivativos, palabras derivadas e compostas. Parasíntese. páx.17 Clases de palabras. Das palabras ás frases:  As frases ou sintagmas no blog. Ortografía: Normas de acentuación páx. 15 Vocabulario: Os dicionarios páx. 14 Literatura: Literatura e funcións da literatura páx. 20-21 UNIDADE 2: Lingua e sociedade: A árbore filolóxica de 1º da ESO  Comunicación: Comunicación oral e escrita no libro páx. 28 Gramática: O Substantivo. Xénero e número no blog e/ou no libro páx. 100-101 Vocabulario: O alfabeto galego e a orde alfabética páx. 34 Ortografía: Acentuación Ditongos, tritongos e hiatos páx. 35  Acentos diacrí...