A danza do abellón vén a ser un ritual para despedir a veciñanza a un defunto /a. Hai autores e testemuñas orais que documentan este baile en círculo arredor do cadaleito acompañado cun zunido imitando ao son dun abellón no velatorio dos mortos. Parece que era unha tradición que axudaba a que a alma do cadáver abandone o lugar definitivamente cara o Máis Alá.
A MORTE BRANCA E A MORTE MOURA
Hai que ser cego para non ver que en Galicia a morte ten características de auténtico deus. É unha divindade temida, pero tremendamente xusta, que fai a todos por igual porque non ten dúas vara de medir. Ás veces a Morte duplícase en dúas irmás, unha branca e outra moura.
A Morte avisa sempre da súa chegada, esa é a Morte Branca, que se presenta para dar o tempo que os homes precisan para axustar contas e despedírense. Logo virá a Morte Moura, esta xa vestida de negro, para levarse deste mundo aos avisados.
Nunha ocasión a Morte Branca, e como excepción,
disque tivo compaixón. Tratábase dun home novo, san, cos fillos sen criar aos
que había que manter. Prometeulle volver e avisalo convenientemente. O home
chegou a vello. Un día, entre o lusco e fusco, chegou a Morte, petou na porta e
ordenoulle:
- Vamos!
- Como? Non quedaches en darme os avisos?
- Xa chos din.
- Non tal.
- Caéronche o pelo e os dentes?
- Caeron.
- Perdiches a vista?
- Perdín.
- Haiche que berrar para que oias?
- Hai.
- Andas engoumado e cos pés a rastro?
- Ando.
- E logo, que máis avisos querías?
A Morte Moura irmá da Morte Branca, nunca fai a viaxe en balde, aínda que se trate de enganala, é inexorable.
Cóntase dun pai moi pobre que se botou aos
camiños en busca dun padriño para un fillo acabado de nacer. Ofrecéronselle o
Demo e mais Deus, pero non os aceptou por inxustos, por tratar distinto a uns
doutros. Despois ofrecéuselle a Morte e aceptouna porque non fai distingos. A
Morte prometeulle facer ao afillado rico.
- Será médico sen necesidade de estudos. Se me ve a min á cabeceira dun doente, dirá que non ten remedio; se me ve aos pés da cama, que receite o que se lle ocorra, que non hai perigo.
O afillado medrou, fíxose médico sen estudos e
fartouse de gañar cartos. Pero nunha ocasión o doente era rico, moi rico,
poderoso, influente, e ofreceu montes e moreas se o salvaban. Mais o seu padriño, a
Morte, axexaba á cabeceira da cama e o afillado devecía polo capital prometido.
A Morte contaba os segundos. O afillado tivo
un alustre e ordenou:
- Sacalo da cama! Agora, deitádeo cos pés para
a cabeceira!
Así o fixeron. O doente librou, pero o
afillado non se lembrara de que a Morte nunca fai as viaxes en balde e alí
mesmo, de pé como estaba, morreu.
CUESTIÓNS
Despois da lectura fai un resumo coas túas
palabras destas narracións tradicionais, pero antes debes consultar e apuntar
tamén aquelas palabras que non coñezas como, por exemplo: inexorable,
alustre...ou expresións como "ter dúas varas de medir", "ofrecer
montes e moreas"
O paxaro da morte é un dos moitos avisos ou agoiros que anuncia a morte das persoas, ben cantando ou ululando perto das casas dos que van morrer.
Como é invisible a xente considera a unha multitude de aves seren o verdadeiro paxaro da morte: a pega, o corvo, a curuxa, o moucho, o voitre. Hai quen lle chama cabra do aire, porque os seus cantos semellan os meos da cabra, outros prefiren o nome de avelaiona, porque se laia estarrecedoramente.
Contan que quen a escoita moitas veces xa na súa vida pode chegar a dicir:
Dende a miña casa, cando a escoito pola noite, dependendo a dirección que vaian os cantos sei en que zona da aldea vai morrer alguén, e se na mesma noite canta en máis dunha dirección, e que vai haber varios defuntos. Polo normal os seus cánticos son vellos, pero tamén hai veces que os seus cánticos son dunha ave nova, polo que entón o que vai morrer vai ser unha persoa nova.?
- Se avelaiona laia, prepara a mortall
En Marín como en moitos outros lugares de Galicia, é sabido que as
avelaiñas ou bolboretas da noite poden ser portadoras tamén de malas novas,
especialmente se son escuras, se pola contra son claras as novas que debes
esperar serán sempre boas.
CUESTIÓNS.
1-Resume coas túas palabras este texto.
2-Podes preguntar na casa se escoitaron falar algunha vez do paxaro da morte ou das avelaiñas portadoras de novas.
A seguir e para rematar este mes de defuntos veremos estes dous capítulos de Lendas Vivas para resumir logo o sue contido na libreta : A Compaña e Sto. André de Teixido.
.jpeg)
Comentarios