Saltar ao contido principal

Que debemos ver cando imos ao teatro?

 


O xénero dos diálogos:  dramático ou teatral é un xénero literario moi peculiar.  Preséntase nun texto pensado para representar con diálogos de personaxes e acoutacións ou indicacións para poder levar a cabo a obra tal e como foi concibida polo autor/a. 

O  xénero do conflito: Outro dos elementos claves é que no teatro imos ver un conflito en acción, unha especie de desacordo, de loita de ideas ou entre contrarios, de choque ou enfrontamento de formas de pensar e actuar que ben se poden resolver de xeito tráxico (mortes, finais tristes e terribles) ou ben rematar de maneira feliz ou cómica (alegrías, festa, celebracións).

 

ACTIVIDADES:  Formulemos unha primeira pregunta. 

1- Mirando a ilustración que acompaña ao dítico co que se presenta a obra, cal cres que será o conflito que se plantea nesta representación? 


A obra que ides ver representada pola Aula de Teatro do Sei San Narciso, titúlase: 

FOBOS, unha viaxe baixo o poder das egolatrías

Leamos ese texto que nos fala desta obra:

A Aula de Teatro San Narciso 2026 estrea o seu novo espectáculo na XXVIII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo celebrada en Cangas o día 29 de abril.  Esta obra aborda retallos de actualidade coa idea de erradicar a xenreira das nosas vidas. Catulo, un autor latino escribiu hai dous mil anos: 

         “Odio e amo,  se preguntas por que o fago, non o sei, 

           pero sinto que ocorre e me torturo.”

2- As obras adoitan tocar temas de carácter universal, preocupacións que nos afectan a todas as persoas no mundo. Saberás indicar cal é a idea que serve de motor desta obra?

Fobos significa “odio” en grego. A nova creación da nosa Aula de Teatro trata sobre este tema universal, motor desta obra na que profundamos á vez na súa causa fundamental, os egoísmos, iso que seguro vos soará, o de non importarnos o que lle pase ao outro, de non pensar nos demais. Denuncia, análise e crítica contra os odios ademais dunha aposta polo amor como antídoto esencial ante a barbarie irracional que nos rodea, á dese home que vén sendo un lobo para o propio ser humano. 

Caemos na conta axiña de que lamentablemente moitas veces as persoas son coma ovellas inocentes, obedientes e incapaces de ser persoas de verdade e opoñerse ás circunstancias que lles fan dano que as ataca e destrúe.  Propoñemos un percorrido pola falta de empatía na historia, o individualismo e insolidariedade, as desigualdades e a ambición de poder da sociedade actual, sinalamos algo tan evidente como que nas redes sociais triunfan as mentiras. Moitas veces fronte as inxustizas somos débiles cando a única fortaleza que nos garante non ser un rabaño dócil é a necesaria reafirmación da diversidade que caracteriza e identifica á verdadeira humanidade. Esta obra pretende non perder as palabras, facer fincapé no esforzo e a loita por poñermos a pé, deixar de andar a catro patas para rachar co silencio que nos converte nun conxunto submiso de ovellas, para facermos un oco de dignidade neste mundo ferido e difícil no que vivimos. 

 3- Que significa en galego a palabra grega "fobos"?

4- Como explicarías ti a seguinte expresión: O home é un lobo para o propio ser humano?

5- Hai varios tipos de odios ou de fobias no mundo?  Enuncia ti agora varios dos que saibas que existen. 

6- Cales destes odios ou fobias cres ti que formarán parte desta obra?

7- Cales son as causas que orixinan ou provocan estes odios?



Rematemos coa lectura:

Fobos é pois unha viaxe con intención e memoria que retrata logo este aspecto tan negativo da sociedade actual como é o malquerer e a indiferenza cara aos demais, perdendo esoutro valor tan humano que é o agarimo e o amor ao próximo. Pasamos pola aversión ao diferente tanto polas súas ideas e crenzas, como pola súa orixe, pola súa desfavorable situación económica, polo simple feito de ser muller e non un home, pola súa forma de entender o cariño e a sexualidade, por desexar ser en liberdade e sentir, vivir ou dicir. Fobias todas elas moi presentes no mundo de hoxe, tremendamente arraigadas e contra as que cómpre procurar reflexión e resposta contundente. Aí está o conflito dramático que poñemos en escena.  De aí que usemos o valor didáctico e simbólico da famosa fábula de Pedro e o lobo para combater tanto cúmulo de odio, procurar albiscar ese mundo mellor para a humanidade que se asenta sobre algo tan simple e complexo á vez como son a empatía, a irmandade e o amor.  



8- De que dous recursos didácticos se bota man nesta obra, encóntraslle algunha relación coa imaxe inicial, a das ovellas?

Comentarios

Publicacións populares deste blog

PRONOMES PERSOAIS

  PRONOMES PERSOAIS TÓNICOS PRONOMES PERSOAIS ÁTONOS Os pronomes persoais só poden ser pronomes, nunca funcionan como un adxectivo dun susbtantivo. A COLOCACIÓN DOS PRONOMES ÁTONOS - Nunca poden comezar un enunciado:    Quéro te  moito! - Posición natural despois do verbo:    Pediu me un libro.  Excepcións:        1ª- Oracións desiderativas ou negativa s:  Oxalá te quixese! Non cho daría.        2ª- Nas oración subordinadas, é dicir, cun enlace tipo: que, se, porque:   Dixo que te chamaría.                    Díxoo porque te quería . Se te mercase a bici....        3ª- Nas interrogativas ou  exclamativas : Quen che dixo iso?  Como te quixo!        4ª - Algúns indefinidos (algo, alguén, ninguén, ningún, ambos, bastante, calquera, nada, todo) e  ...

A MEMORIA DE NOSO (II): A nosa lingua ten nai e avoa

Para saber de nós imos reflexionar sobre a lingua e a soiedade comezando polos seguintes temas:  A diversidade lingüística fainos humanos A lingua que nos fai orixinais O dereito a ser diferente

CONTIDOS DA PROBA DA SEGUNDA AVALIACIÓN

UNIDADE 3 Gramática: Suxeito e predicado . páx. 56-57 do libro de texto Literatura: Os recursos estilísticos ou literarios páx. 60-61 do libro de texto Tradición oral no blog: Como se celebra en Galicia  de xeito tradicional? -  O ciclo das Trece Lúas. A tradición oral no Nadal. -  Dos Reis ao Entroido e a Coresma (I) UNIDADE 4 Literatura: Os xéneros literarios páx 80-81 do libro de texto. Gramática:  Os verbos regulares en galego  As funcións da oración (I): Complementos Directo e o Indirecto. - OS COMPLEMENTOS DIRECTO E INDIRECTO. Fíxate no seguinte exemplo:                                   Eu fixen filloas para eles. O verbo é o "xefe da oración", o núcleo do predicado. El sabe quen é o suxeito (eu: o que fixo as filloas)  e tamén nos orienta sobre os seus complementos: Preguntámoslle ao verbo QUE fixen? Responderá o Complemento Directo: filloas Se preguntamos A ou PARA...